25 de xuño de 2023

San Xoán: Tradición e sabor na asociación cultural A Feira

 


A fogueira de San Xoán, acompañada de sardiñas asadas, é unha tradición arraigada na nosa cultura, onde se mesturan crenzas ancestrais e a alegría de compartir con seres queridos. Cada ano, esta festividade bríndanos a oportunidade de conectar coas nosas raíces e renovar a esperanza nun futuro próspero e cheo de bos momentos.

A celebración do San Xoán remóntase a tempos ancestrais, cando os nosos antepasados adoraban ao solsticio de verán e realizaban rituais para protexerse dos malos espíritos e atraer a boa sorte. A fogueira era un elemento central nesta festividade, pois críase que o lume purificador limparía as maldades e os problemas do pasado, deixando paso ás boas enerxías e novas oportunidades.

Co paso do tempo, a festividade de San Xoán asentouse na nosa cultura como unha celebración popular. A tradición de acender a fogueira e saltar sobre ela, acompañada de comidas típicas como as sardiñas, converteuse nun símbolo de renovación e unión comunitaria.

Outro ano máis, na noite do 23 de xuño, os terreos da asociación de veciños enchéronse de tradición coa celebración da  fogueira de San Xoán e sardiñada organizada pola asociación cultural A Feira. 


Os membros da batukada "Os Espantarratos" foron os encargados de animar a noite cos seus potentes ritmos. As súas interpretacións enérxicas e cheas de vida contaxiaron aos presentes, creando un ambiente festivo que animou a bailar e gozar da noite máxica.

Pero sen dúbida, o prato principal da noite foron as sardiñas, preparadas con esmero e servidas en abundancia. O aroma a brasa e peixe atraía aos comensais, quen non podían resistirse a probar unha e outra vez estas delicias culinarias. Houbo sardiñas en abundancia para probar, repetir e tripitir. Desde mozos ata maiores, todos compartiron a paixón polas sardiñas asadas con pan de millo.




A directiva da asociación cultural A Feira, coa inestimable axuda dos voluntarios, encargouse de organizar cada detalle desta celebración, co obxectivo de preservar as nosas tradicións e fomentar o sentido de comunidade na noso barrio. Grazas á súa dedicación e esforzo, veciños e visitantes puideron gozar dunha noite chea de sabor e ritmo.

 


En resumo, a noite do 23 de xuño foi un verdadeiro festín para os sentidos nos terreos da asociación de veciños, onde a batucada "Os Espantarratos" puxo o ritmo e as sardiñas asadas foron as protagonistas. Grazas á asociación cultural A Feira e á participación entusiasta de todos, esta celebración de San Xoán converteuse nun auténtico éxito, recordándonos a importancia das nosas tradicións e a alegría de compartir momentos especiais en comunidade.

 

 

19 de xuño de 2023

Unha emocionante excursión a A Coruña coa Asociación Cultural A Feira

 



O pasado 18 de xuño tivemos a oportunidade de acompañar a un grupo de nenos da Asociación Cultural  nunha trepidante excursión á fermosa cidade da Coruña. Foi un día cheo de diversión e aprendizaxe, a pesar de que a choiva nos perseguiu durante todo o día e incluso chegou a alcanzarnos de cheo.

A Asociación Cultural "A Feira" é unha organización dedicada a fomentar a cultura, a educación e o entretemento para tódalas idades. Esta vez tocoulle ós nenos. Esta viaxe a Coruña foi unha das numerosas actividades que organizamos para brindarlles experiencias enriquecedoras e saídas fóra do común.

A xornada comezou cedo pola mañá, cando nos xuntamos no centro cultural con moitas cariñas de sono para embarcar no autobús. A pesar de que o ceo xa non presaxiaba moi bo día, a emoción dos pequenos non se viu afectada para nada. Xunto a eles foron os 9 membros da directiva da asociación, que supervisaron e coordinaron a excursión para asegurarse de que todo fose seguro e divertido para os nenos.


Unha vez que chegamos, adentrámonos nun mundo de descubrimento e aventuras. A primeira parada foi a Casa das Ciencias, un lugar fascinante onde os nenos puideron explorar o apaixonante mundo da ciencia de forma interactiva.

 

 


Alí desfrutamos dunha proxección especial no planetario que nos levou a unha viaxe ao pasado para coñecer os impresionantes dinosaurios que habitaron a Terra. Os nenos estaban fascinados mentres contemplaban as imaxes dos dinosauros en movemento, aprendendo máis sobre a súa historia e características. Ademais, tamén tiveron a oportunidade de observar estrelas, planetas e aprender sobre o universo durante a proxección.


Despois de marabillarse coa visita ao planetario, dirixímonos á Domus, un museo interactivo que explora a anatomía humana, a ciencia e a natureza dunha forma divertida e educativa. Pero primeiro unha paradiña para o almorzo, que xa levabamos moito tempo sin probar bocado.
 


A pesar de que fóra continuaba a chover intermitentemente, os nenos tiveron a oportunidade de participar en experimentos, xogos interactivos e exposicións que estimularon a súa curiosidade e lles ensinaron de forma práctica sobre o mundo que nos rodea.

 

Outra pausa para alimentarse, esta vez para xantar na zona de picnic reservada para nós. 

A seguinte parada no noso itinerario foi o impresionante Acuario Finisterrae, onde os nenos puideron mergullarse no mundo mariño e coñecer de preto a riqueza e diversidade da vida acuática. A súa emoción e asombro ao ver os tiburóns nadando ao seu redor foi inesquecible. A pesar da choiva, os nenos non deixaron que nada lles roubase a ilusión de ver eses impresionantes animais mariños.


Lamentablemente, a visita ao Parque de San Pedro tivo que ser cancelada debido ás intensa choiva. A seguridade dos nenos era a nosa prioridade, e considerando as condicións climáticas adversas, decidimos non levalos. Outras visitas coma o paseo marítimo ou a praia de Riazor fixéronse desde o autobús, con explicacións dun guía local. 

Xa no camiño de volta, nova pausa para repoñer forzas e alimentarse, que eses pequenos corpos non se manteñen do aire.

 

Esta excursión a Coruña foi unha bonita experiencia para todos. A pesar da choiva, os nenos puideron disfrutar, aprender e pasar un día diferente mostrando unha actitude positiva e entusiasta en todo momento. 

17 de xuño de 2023

COMIDA DO SOCIO

O próximo domingo 2 de Xullo celebraremos atradicional comida do socio no parque dos agoeiros.




16 de xuño de 2023

Fogueira de San Xoán

 O próximo 23 de xuño teremos a tradicional fogueira de San Xoán con sardiñas gratis para socios