Este pasado domingo, os nenos da Asociación Cultural A Feira gozaron dunha emocionante excursión a Marcelle Naturaleza. Foi unha xornada chea de aprendizaxe e diversión, onde os máis pequenos puideron conectar co medio ambiente e descubrir fauna local e foránea.
Un Parque para a Conservación e Educación Ambiental
Marcelle Naturaleza é un parque zoolóxico e centro de conservación que se atopa en Outeiro de Rei, na provincia de Lugo. Este parque ten como finalidade a conservación de especies, tanto autóctonas como exóticas, e a educación ambiental. O obxectivo principal é promover a conciencia ecolóxica e o respecto pola biodiversidade a través de actividades educativas e recreativas.
Os animais que se atopan no parque inténtanse reintroducir no seu hábitat sempre que sexa posible, por iso cada visita é diferente xa que van cambiando os exemplares expostos.
A xornada comezou coa saída en autobús desde o centro cultural. A viaxe estivo marcada pola escasa capacidade de retención de líquidos das criaturas, xa que houbo que facer nada menos que tres paradas antes de chegar a destino.
Unha vez en Marcelle, fomos recibidos polos guías, que nos ofreceron unha pequena introdución sobre o parque e as especies que iamos coñecer.
O percorrido polo parque foi unha experiencia divertida. Os nenos tiveron a oportunidade de ver de preto animais como lobos, linces, cervos, avestruces, e moitos outros. A diversidade de especies presentes no parque permite aos visitantes coñecer a fauna de diferentes partes do mundo. Ademais, os nenos estiveron moi participativos, facendo moitas preguntas ós guías, que axudaron a concienciar aos pequenos sobre a importancia de coidar o medio ambiente.
Unha Xornada de Convivencia
Unha vez reamatada a visita, puxemos rumbo á Feira, facendo unha parada para a merenda, , onde os nenos repuxeron forzas e vaciaron as vexigas para evitar máis paradas no camiño de regreso.
A excursión a Marcelle Naturaleza foi, sen dúbida, unha experiencia enriquecedora para todos os participantes. Actividades como esta reforzan o compromiso da Asociación Cultural A Feira coa educación ambiental e a promoción de actividades saudables ao aire libre para os máis pequenos.
Esperamos que todos os nenos levasen para casa moitos recordos felices e, sobre todo, unha maior conciencia sobre a importancia de protexer a nosa natureza.
E se algo saliu mal, os responsables son esta panda:
Directiva 2024