10 de abr. de 2011

"Lembranzas da Miña Terra", o libro de Florencio


O pasado 20 de Marzo realizouse no noso centro cultural a presentación do primeiro libro de Florencio Fernández: Lembranzas da miña terra, con grande asistencia de público e presencia das autoridades locais.

¿Que conta este libro?
Estamos ante unha selección de historias e acontecementos ocurridos ó longo dos anos nesta pequena porción do mundo que é o barrio da Feira, en Salceda de Caselas. Dende as orixes do noso ancestral entroido, pasando polos extintos ranchos e seráns ata as distintas agrupacións musicais que houbo no barrio. Tradicións que xa se perderon, extintas industrias e distintas obras comunais construídas a prestación persoal, salpicadas moitas veces con anécdotas propias do autor, que foi tamén testigo e actor principal de parte dos feitos narrados.
A prosa sinxela coa que está redactado fai que sexa un libro agradable de ler.

O libro é, en definitiva, unha moi boa maneira de ter, dunha forma ordenada, todas aquelas historias que nos contaban os nosos avós.

Lendo este libro, calquera persoa allea ó noso barrio pode facerse unha idea de por qué o noso lema é UNIÓN E TRABALLO.

Cada capítulo do libro conta con fotografías, moitas delas procedentes do arquivo fotográfico da asociación cultural A Feira. De xeito que esta obra axuda a engadir valor ó arquivo fotográfico da asociación,  que eu puxen moito empeño en poñer en marcha cando estaba na directiva. Porque non é o mesmo ver unha serie desordenada de fotos ca ter unha referencia do contexto no que se realizaron e coñecer a historia que hai detrás.

O libro consta de 103 páxinas repartidas en 31 capítulos:
  • A vila de Salceda de Caselas
  • Os antigos seráns
  • Como comezou o Entroido
  • Inicio do torreiro na Feira
  • O Entroido pasa para o torreiro da Feira
  • Os labregos nesta zona
  • A sementeira
  • Os muiños nesta zona
  • Noiteboa e ano vello
  • Rancho de reis e rancho de carnaval
  • Festa de Pascua e a tradición da cruz
  • Os Alambiques e como funcionan
  • Entroido nos anos da posguerra
  • Celebración dos santuarios en Salceda
  • Romaría de San Cibrán
  • A historia dos gaiteiros nesta zona
  • Os altofalantes no Entroido da Feira
  • As estradas do noso barrio
  • O entroido entre 1950 e 1955
  • Comezo do Casino e desenrolo do mesmo
  • 1965 comezan as obras do Teleclub
  • As empresas nas dependencias de Casa Antucho
  • Primeira empresa de transporte de viaxeiros na Feira
  • Inauguración do Teleclub
  • Creación e desenrolo da Orquesta Sur de Salceda
  • 1968 volve o Barreiro a competir nas festas de Carnaval
  • As escolas dos nenos e nenas da Feira e Barreiro
  • Traída da auga no barrio da Feira
  • Parque recreativo dos Agoeiros
  • A poza dos Agoeiros
  • Desenrolo no Centro Cultural da Feira

Tódolos socios da Asociación Cultural A Feira teñen á súa disposición un exemplar deste libro de forma gratuita. Se non recolleches o teu, podes pasar a collelo cando queiras polo teleclub. Se non eres socio e queres facerte con un exemplar, ponte en contacto co concello.

 Florencio adicou dous anos da súa vida a elaborar este libro, e tivo a grande xenerosidade de regalarnos ese esforzo ós seus veciños. Durante ese tempo ordenou e escribiu os seus recordos e completounos con numerosos testimonios alleos para finalmente compoñer o libro que hoxe temos ocasión de disfrutar.

Lembranzas da miña terra foi posible gracias ó esforzo altruista e desinteresado do autor, porque o libro non está á venda e polo tanto non lle supón ningún beneficio económico. Por iso todos teremos sempre unha deuda de gratitude con Florencio. A publicación puidose levar a cabo gracias á colaboración do Concello de Salceda, que subvencionou os gastos de edición.

Florencio, na súa modestia, comenta que "Eu non son escritor. Este libro podía telo feito calquera". Pode ser certo, pero sólo unha persoa tivo a pacencia, a determinación e as ganas de levar a cabo todo o traballo necesario, así que  GRACIAS, Florencio.


FERNÁNDEZ, Florencio. Lembranzas da miña terra. Ediciones Cardeñoso: Vigo, 2011. 103 p. ISBN: 978-84-8190-632-5